CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Convocamos un novo concurso: ciencia que coida e preserva


Voz Natura —que é calquera cousa menos un programa instalado na rutina— lanza unha nova actividade dentro do axioma da actual edición, dedicada ao coñecemento e uso da ciencia e o método científico para protexer o medio ambiente.

Que actividade é esa? O concurso "Ciencia que coida e preserva", dedicado única e exclusivamente aos 379 centros educativos e asociacións ambientais participantes este curso no programa de educación ambiental de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.

No concurso hai dúas categorías: unha, microexperimentos; a outra, estudo e investigación. E por diante, moito tempo, porque se non aos profesores non lles dá a vida, activos como son: os traballos deben presentarse non antes da continuación das clases en xaneiro e non despois do 30 de abril. O seguinte e feliz paso consiste en que os premiados expoñan os seus traballos nun acto para celebrar no Muncyt da Coruña no mes de maio.

O xurado
Que vai valorar o xurado? a calidade, orixinalidade, utilidade e presentación dos traballos que poderán abordar calquera problemática ambiental como a contaminación da auga ou do chan, cambio climático, xestión de residuos, conservación da biodiversidade, plantacións ecolóxicas, enerxías renovables, ou calquera solución  creativa para os retos ambientais do presente e do futuro. Dito doutra forma, un abanico amplísimo para que cada profesor atope un espazo onde sentirse cómodo e motivar aos seus alumnos.

Patricia Barciela, directora da Domus coruñesa e directamente implicada neste novo concurso, define con estas palabras «Ciencia que coida»: «É unha oportunidade para aprender ciencia, porque experimentando en primeira persoa é como descubrimos e sorprendémonos, levamos esa sorpresa aos demais, resolvemos problemas por nós mesmos e, por suposto, divertímonos aprendendo».

Seguro que xorden pequenas dúbidas. Para liquidalas, na sección Voz Natura en Acción/Actividades, atópanse as bases do concurso.