Educación ambiental en Verín a través do veterano CPR María Inmaculada
Voz Natura inicia a súa andaina no curso 1997-1998 e, nese mesmo curso o noso centro, o CPR María Inmaculada, presenta o seu primeiro proxecto ambiental». Quen bota a vista atrás é o profesor Ramón Gallego Domínguez, un auténtico veterano que conserva intacta a ilusión de hai tantos anos e quen recoñece que un dos piares dese labor frutífero é «o involucramento tanto de alumnos como de profesores, e sen estes últimos, coas súas ideas e metodoloxía activa, sería imposible a realización de cada un dos proxectos». E todos estes foron apoiados por Voz Natura, programa educativo que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.
O CPR María Inmaculada áchase en Verín, nun edificio enorme en cuxo interior se respira esa actividade constante, froito de meterse en mil e unhas pequenas aventuras formativas para os alumnos, como ocorreu durante anos co Pasaporte Solidario, por exemplo, iniciativa que fomentaba as accións de voluntariado. Alí saben perfectamente que a educación ambiental ha pasado de ser un tema marxinal ou tratado de forma concreta nun momento dado a converterse nun eixo transversal no currículo educativo.
Despois de tantos anos, aumentou o grao de concienciación dos alumnos?
Concienciación ambiental? Se, os alumnos de hoxe teñen máis que as xeracións anteriores, e isto débese á constante exposición e información sobre os problemas ambientais nos medios de comunicación e nas redes sociais.
Ramón Gallego incide en que «moitos mozos entenden a urxencia de problemas como o cambio climático e a contaminación, e teñen unha actitude máis activa na procura de solucións». Á pregunta dalgún cambio significativo na metodoloxía do ensino desde fai máis de dúas ducias de anos cita varios, entre eles «a implicación dos centros educativos en proxectos sostibles, como hortos escolares, campañas de reciclaxe e eficiencia enerxética, o que converte ás escolas en modelos de prácticas sustentables para a comunidade».
O seu proxecto actual
O centro segue participando en Voz Natura. Neste curso están co proxecto «O chan, a nosa riqueza, o noso compromiso», e cuns obxectivos que detalla o profesor Gallego Domínguez para rematar a charla: «Detallar os usos do chan, distinguir entre natural e construído, relacionar saúde e nutrición, avaliar o impacto das nosas accións nos chans e no medio ambiente e recoñecer os chans como recurso natural limitado». Non parece pouco desde logo, pero aí ninguén pensou nin polo máis remoto en desanimarse. Un bo exemplo.