Os Sauces, en primeira liña contra o cambio climático
Case un mes, en concreto ata o 15 de marzo. Ese é o prazo —longo aínda, pero deixar as cousas para última hora non é boa idea— de que dispoñen os centros para enviar propostas de participación na seguinte edición de Voz Natura. Esas propostas teñen que estar centradas en combater a crise climática, que é o leitmotiv desta iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.
Todo o equipo de Voz Natura cre que é fundamental actuar a un nivel de concienciación e sensibilización superior, que incite ao alumnado para tomar un papel activo e sexa protagonista #ante os retos climáticos aos que a especie humana vai enfrontar nun futuro que xa é presente. E aí xorde algo absolutamente necesario: desmontar mitos climáticos, as fakes, e iso implica promover o coñecemento científico por encima de auténticas bobadas que incitan á risa (como que a Terra é plana) pero que no fondo resultan moi perigosas. E xunto a iso, os centros de Voz Natura deben liderar iniciativas ambientais que cheguen ás institucións e empresas.
Diso sabe, e moito, Ramón Sineiro, xa que o seu colexio, o pontevedrés Os Sauces, leva anos metido nesa pacífica e formativa loita. «A concienciación en prevención do cambio climático está presente cada día nas nosas aulas —di—. Nas distintas etapas educativas trabállase o coñecemento dos factores que hoxe en día están a influír robustamente na progresión do cambio climático e o como xestionalos para minimizalos».
Hai un segundo aspecto, moi acorde co espírito de acción de Voz Natura, que se centra nos bos hábitos ambientais e as actividades que axudan a mitigar a crise climática. Aforro enerxético nas aulas e os fogares, reforestación dos bosques galegos ou promoción do transporte sostible son accións que, unha a unha, sumadas no case catro centenares de centros participantes, poden marcar unha gran diferenza e servir de exemplo a toda unha comunidade.
De novo é o profesor Sineiro quen explica como a desenvolven no seu colexio: «Os nosos alumnos traballan por proxectos con distintas plataformas externas, e en concreto, ao longo destes últimos anos, establecéronse sinerxias con algunhas como Repsol Zinkers ou Naturgy, co fin de diminuír as emisións e aumentar o aforro enerxético». E con Voz Natura? «Por suposto, sobre todo fomentando a reforestación mediante a plantación de árbores autóctonas».
Sabe que queda moito traballo por diante pero non parece en absoluto desas persoas que se desanimen. «Nós, desde este colexio, esforzámonos día a día polo coidado do planeta», remata.