No curso 2017-2018 participaron 350 centros educativos e asociacións que levaron a cabo todo tipo de proxectos de acción directa sobre o medioambiente —prevención de incendios forestais, limpeza e recuperación de zonas degradadas, plantacións, etcétera— proxectos de reciclaxe, redución, reutilización e tratamento de residuos, protección de fauna e flora, estudo, investigación, consumo responsable e desenvolvemento sostible.
Ademais, na 21.ª edición tivo especial protagonismo a protección do patrimonio etnográfico: coidado dos espazos ambientais e protección de bens materiais —fontes, lavadoiros, pontes, muíños, etc.— ou inmateriais como tradicións e costumes relacionadas coa natureza, representativas da cultura e modos de vida da nosa sociedade.
Durante o curso escolar, o programa ofreciu distintas actividades ambientais que complementaron os traballos que realizaron os participantes.
O curso escolar finalizou cunha gran festa, que se celebrou en xuño do 2018. Unha cita especial na que se entregaron os premios aos colexios gañadores da edición Voz Natura.