Co curso 2011-2012 Voz Natura alcanza xa a súa 15ª edición. Xa somos case 49.000 alumnos e 3.000 profesores de 288 centros educativos dedicados a protexer e recuperar os ecosistemas de Galicia. Neste curso sumámonos/sumámosnos á declaración do 2011 como Ano Internacional dos bosques e seguimos participando na campaña de Nacións Unidas "Plantemos para o planeta" cun obxectivo prioritario: reforestar os nosos montes.
O programa Voz Natura, auspiciado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, céntrase nesta edición en reforestar, conservar e defender os espazos arbóreos como parte esencial do desenvolvemento do planeta. Así, nos proxectos que agora comezan a executarse abundan as iniciativas relacionadas cos bosques e os recursos forestais, as repoboacións con especies autóctonas, as limpezas de ecosistemas...
Como é habitual, seguen tendo gran protagonismo todo tipo de traballos que impliquen accións directas no medio e en calquera dos distintos ecosistemas de Galicia: a limpeza de ríos e praias, recuperación de zonas degradadas, eliminación de vertedoiros incontrolados ou posta en valor e coidado do patrimonio etnográfico.
Recoñecemento ao profesorado
Un ano máis, a consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recoñecerá a coordinación do proxecto Voz Natura como unha actividade de innovación educativa co seu correspondente equivalencia como formación permanente do profesorado. Deste xeito, ao final do curso a Consellería expedirá os certificados de participación ao persoal docente de centros mantidos con fondos públicos e dependentes de devandito departamento.