Un ano máis, Voz Natura bateu a súa marca de participación. Este curso foron 244 colexios, institutos e asociacións ambientais os que traballaron na defensa do contorno cun obxectivo principal.
Logo dun curso dedicado á reciclaxe, Voz Natura propúxose este ano sensibilizar a toda a poboación da importancia das actuacións individuais para loitar contra o cambio climático. Por iso, os centros promoveron accións de fomento das enerxías renovables, redución de emisións de gases efecto invernadoiro e, en xeral, todos os proxectos enfocados a promover o desenvolvemento sostible nas aulas e no seu contorno.
O obxectivo foi crear unha rede que traballe para frear o cambio climático e procesos como o incremento das temperaturas no planeta. Neste sentido, Voz Natura lanzou un simulador que pretende fomentar a concienciación mostrando como podería afectar a Galicia o aumento do nivel do mar. Compróbao aquí.
Xunto a estas propostas relativas ao cambio climático, os centros prestaron especial atención a todas as actuacións de acción directa sobre o medio como recuperación de espazos degradados, limpezas de ríos, plantacións de árbores ou erradicación de vertedoiros incontrolados, entre outros temas.