CAST | GAL

Voz Natura cumpre un cuarto de século loitando contra o lume e reforestando

 
Unha inmensa maioría dos máis de 6.000 traballos que sumará Voz Natura cando acabe este curso incluíron actuacións para combater os incendios e recuperar os montes queimados. A comunidade educativa de Galicia ten moi claro que o lume é un dos principais problemas ambientais da comunidade e por iso leva 25 anos traballando para previlo e combater os seus efectos a través do programa de La Voz e a Fundación Santiago Rey Fernández Latorre.

Neste tempo, os equipos Voz Natura viron de todo. Desde veráns menos malos, como o pasado con 17.000 hectáreas queimadas, ata outros dramáticos, como o de 2006, cando arderon 93.000. En xuño dese ano, Voz Natura pechaba a súa 9.ª edición que, como presaxio do que estaba por vir, estivera dedicada á loita contra o lume. Os proxectos do seguinte curso (2006-2007) xa estaban presentados e aprobados cando ardeu Galicia nese tráxico verán, pero isto non foi un impedimento para que o programa puxese o foco novamente no lume. Os equipos reformularon os seus proxectos e envorcáronse en recuperar espazos queimados e en reforestar.

Vítimas e salvadores

Moitos alumnos Voz Natura sufriron en primeira persoa os efectos do lume ao longo destes 25 anos. Non só viron como ardían os montes das súas localidades, tamén viron queimarse as súas propias plantacións.

 Así sucedeu na 21.ª edición, que arrincou en setembro de 2017. Un mes despois, chegaba a gran catástrofe ambiental do mes de outubro con case 50.000 hectáreas arrasadas en poucos días e catro persoas mortas. Moi preto, en Portugal, o balance foi aínda máis tráxico.

En Nigrán, a comunidade educativa do colexio de Chandebrito viu como o lume cercaba o seu centro e levaba por diante o seu invernadoiro e as súas mesas de cultivo. Rapidamente reorientaron o seu proxecto. Coa axuda de profesionais e da comunidade de montes local, limparon, reconstruíron e reforestaron. Tamén educaron na prevención organizando clases na zona cero dos incendios, confeccionaron unha guía sobre a biodiversidade da zona e trataron de concienciar, máis se cabe, aos seus veciños poñendo en valor o seu patrimonio ambiental e etnográfico. Todo iso valeulles o premio Galicia desa edición.

Sumando esforzos

Do mesmo xeito que os alumnos de Chandebrito, moitos equipos Voz Natura contaron con apoio de comunidades de montes, axentes forestais e concellos nas súas reforestacións. Tamén a Garda Civil, a través do Seprona, leva desde o curso 2011-2012 -dedicado especialmente ás reforestacións- impartindo charlas nos centros sobre a prevención dos incendios.

Pero Voz Natura tamén sabe o que é sumar esforzos a nivel internacional. En novembro do 2006, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente lanzou a campaña Plantemos para o Planeta. O obxectivo era loitar contra o cambio climático convidando á poboación para plantar árbores. Ese primeiro ano, Voz Natura recontou e inscribiu 11.500 plantados por profesores e alumnos. Cinco anos despois, a cifra superaba os 115.000.

Nesta 25.ª edición, os miles de estudantes e mestres que dan vida ao programa de La Voz, patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces, seguen loitando contra o lume co mesmo empeño que o facían os seus compañeiros en 1997.
Palabras descoñecida.