CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Voz Natura aposta polo bosque tradicional galego

 
Nas axendas de 272 traballos Voz Natura que se están executando este curso, as reforestacións ocupan un lugar destacado. Con todo, durante estes días poderíase dicir que copan o seu programa de actividades, sumándose así á conmemoración mundial de hoxe, o Día da Árbore. A condición indispensable para todas as plantacións con selo Voz Natura é que se realicen con especies autóctonas. Durante os catorce anos de vida do programa, tanto o comité científico como os equipos participantes velaron porque así sexa.

Un bo exemplo diso foi a reforestación que realizaron en días pasados trescentos alumnos do CEIP de Ventín (Ames) nun bosque afectado polos incendios forestais do 2006. Desde entón, os escolares traballaron no bosque de Trasmonte transformando a fotografía do lugar: cambiaron as cinzas e eucaliptos por carballos, castaños, nogueiras, fresnos, bidueiros e cerdeiras. Tamén plantaron especies aromáticas para fomentar a biodiversidade do enclave.

Esta actividade contou co respaldo do concello de Ames -o propio alcalde, Carlos Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, probaron a experiencia de plantar cos máis pequenos- e por Coca Cola, que aproveitou a xornada para obsequiar aos participantes con agasallos e recordarlles a importancia da reciclaxe.

Múltiples iniciativas 
O parque forestal de San Miguel de Oia ten estes días 60 carballos máis grazas ao CEIP Ría de Vigo; a área recreativa do Salgueiral ás beiras do Sil, no Barco, conta con máis especies de ribeira desde o venres grazas aos alumos do IES Lauro Olmo; tamén o río Rons, en Pontevedra, está máis poboado grazas ao colexio Os Salgueiros, e o xardín da Fundación Educativa Torre de Lemos dispón agora dun horto ecolóxico. Moito máis en: www.facebook.com/voznatura.