CAST | GAL

Décimo cuarta edición (2010-2011)

Miles de estudantes celebran o Día da Educación Ambiental con Voz Natura

 
O 5 de xuño e o 26 de xaneiro son dúas datas marcadas en vermello nas axendas dos 45.000 alumnos participantes en Voz Natura. No primeiro caso, por conmemorarse o Día Mundial do Medio Ambiente, que supón pon o punto e final a un curso de traballo nos ecosistemas galegos da man do programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. No segundo, porque cada 26 de xaneiro, desde diversos puntos do planeta reitérase a necesidade de educar a mozos e adultos no respecto ao medio a través da celebración do Día Mundial da Educación Ambiental.

Cando en 1997 nacía Voz Natura, facíao sumándose a unha corrente internacional afianzada en 1992 durante a celebración do Cume da Terra, en Río de Janeiro. Desta Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e Desenvolvemento saíron diversos plans, documentos e acordos decisivos para as políticas ambientais futuras e un recomendación: incrementar os esforzos en materia educativa reorientándoos cara á promoción do desenvolvemento sostible. Para atopar as orixes desta corrente habería que remontarse, con todo, aos anos 70 e, principalmente, á creación do programa Home e Biosfera (MAB) da UNESCO.

Neste contexto, a comunidade educativa galega foi especialmente receptiva á proposta da Fundación e xa no primeiro curso, en 1997, involucráronse 109 centros educativos. Este curso son 272 os proxectos de educación ambiental en marcha ao amparo do programa, abarcando áreas como a recuperación de espazos degradados, o fomento do desenvolvemento sostible ou as enerxías limpas.


Desde a escola ata os fogares e os despachos

Voz Natura nace e desenvólvese dentro do sector educativo, pero a súa área de influencia esténdese a todos os ámbitos da sociedade galega.

Para o comité científico do programa é fundamental o efecto arrastre que exercen os máis pequenos. En palabras do José Antonio Díaz Núñez, portavoz do comité, «grazas ao labor que realizan os profesores, os nenos e mozos interiorizan condutas e convértense en correa de transmisión de valores e hábitos ecolóxicos que se trasladan ás súas familias e comunidades».

Por outra banda, o programa logra implicar a organismos públicos e entidades privadas que apoian a Voz Natura. Este curso, a iniciativa conta con diversos patrocinios e colaboracións.