Voz Natura alcanza a súa 19.ª edición cun total de 59.000 estudantes e 3.290 profesores participantes. Miles de nenos —desde o inicio da súa vida escolar ata xusto antes da etapa universitaria— traballarán durante todo o curso 2015-2016 para coidar o seu entorno desenvolvendo un total de 324 proxectos de intervención ambiental nos ecosistemas galegos.
Voz Natura afronta o curso cos mesmos obxectivos cos que naceu en 1997: implicar á comunidade escolar de Galicia na recuperación e defensa da natureza, fomentando o respecto ambiental desde a infancia e incentivando a acción dos nenos, as súas familias e todo o seu entorno. Para iso o programa conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces e dispón tamén dun comité científico que asesora aos equipos durante a execución dos seus traballos.
Este curso, o programa súmase á declaración do 2015 como Ano Internacional dos Solos por parte da ONU propondo aos equipos que traballen na protección dos ecosistemas autóctonos con actividades como a erradicación de especies foráneas e as reforestacións con especies propias.
Recoñecemento ao profesorado
Unha vez máis, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recoñecerá a coordinación dun proxecto Voz Natura como unha actividade de innovación educativa, coa súa correspondente equivalencia como formación permanente do profesorado. Deste xeito, ao final do curso, a Consellería expedirá os certificados de participación ao persoal docente de todos aqueles centros públicos e concertados que participen.