Coa volta ao cole en setembro do 2013 comeza a 17ª edición do programa de educación ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Voz Natura segue crecendo e este curso promove 307 proxectos de recuperación da natureza realizados por outros tantos equipos que forman 53.543 alumnos e 3.050 profesores de todos os niveis, excepto o universitario.
Despois de anteriores edicións especialmente dedicadas ás reforestacións, o cambio climático, a biodiversidade, a reciclaxe ou a loita contra o lume, Voz Natura proponse este curso chamar a atención sobre a necesidade de actuar sobre os ríos e as praias, logrando que as accións escolares sirvan de exemplo e xeren un efecto contaxio no resto da sociedade. Por iso, durante esta edición moitos dos participantes inclúen nos seus proxectos de actuación diversas actividades encamiñadas a protexer a biodiversidade das costas, praias e sistemas fluviais de Galicia.
Xunto a este tema destacado, en Voz Natura terán gran protagonismo, como todos os anos, as reforestacións e o coidado do monte, a recuperación de espazos degragados, a erradicación de vertedoiros incontrolados e, en xeral, todas as actividades orientadas á preservación do patrimonio natural e á concienciación ambiental.
Recoñecemento ao profesorado
Un ano máis, a consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recoñecerá a coordinación do proxecto Voz Natura como unha actividade de innovación educativa co seu correspondente equivalencia como formación permanente do profesorado. Deste xeito, ao final do curso a Consellería expedirá os certificados de participación ao persoal docente de centros mantidos con fondos públicos e dependentes do devandito departamento.