A por outros 20 anos!
No mes de xuño, o programa Voz Natura celebra a súa gran festa fin de curso no parque de Acea de Ama, na que miles de persoas gozan durante todo o día dun amplo programa lúdico, deportivo e tamén ambiental, co que os máis pequenos da casa (e os non tan pequenos) pásanllo en grande. Os asistentes poden visitar tamén a exposición que reúne todos os traballos realizados polos centros ao longo do curso e que mostra como os escolares galegos saben coidar o medioambiente.
A festa é ademais o marco perfecto para entregar os premios Voz Natura aos centros que destacaron na realización dos seus proxectos ambientais.
FESTA FIN DE CURSO 2017
Miles de persoas reuníronse o sábado 3 de xuño en Culleredo para celebrar o 20 aniversario de Voz Natura. Desde as 11.00 ata as 19.30 horas, o parque de Acea de Ama foi un fervedoiro de xente con moitas ganas de festa.
Os pequenos gozaron dun amplo programa de actividades e xogos no que moitos deles conseguiron o seu carné de Axente Voz Natura tras realizar unha actividade en cada unha das cinco zonas nas que se dividía o parque e obter a chapa correspondente: incendios, reciclaxe, limpeza de zonas degradadas, hortos ecolóxicos e reforestacións.
Inchables, talleres, carrusel... Os máis pequenos da casa (e os non tan pequenos) pasáronllo en grande durante toda a xornada. A exposición dos traballos realizados durante o curso foi un fervedoiro de xente e a mellor mostra de como os escolares galegos saben coidar o medioambiente. Ademais da exposición especial do 20 Aniversario que mostrou os labores de limpeza de zonas degradadas desenvolvidas polos participantes en Voz Natura nas dúas últimas décadas en Galicia.
A festa foi o marco perfecto para entregar os premios Voz Natura aos centros que destacaron este curso. Os alumnos do colexio San Salvador de Teis, de Vigo, foron os gañadores do gran premio Galicia, dotado con 5.000 euros, e recollérono de mans do presidente e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre. Ademais, este ano Voz Natura entregou un premio 20 Aniversario, por participar durante dúas décadas seguidas no programa ambiental ao CEE Terra de Ferrol.
O programa Prensa-Escuela organizou diversos talleres de comunicación e entregou os premios dos certames do curso.