Tiña que ser. Non se pode organizar unha festa en Galicia durante máis dunha década e que nunca estea presente a choiva. Talvez por iso, porque o verde galego non é gratis, choveu no parque de Acea de Ama na duodécima edición da festa de fin de curso de Voz Natura, que se celebrou o pasado día 6 de xuño en Culleredo.
GALERÍAS DE FOTOS:
A pesar do tempo caprichoso, miles de galegos acudiron fieis á cita, e é que pouco lles pode alterar unha chuvieira estival a quen coidou a súa contorna durante os rigores do inverno. Os nenos e mozos de Voz Natura son capaces de calzarse unhas botas para recuperar as marxes dun río no mes de decembro e por iso souberon gozar da súa xornada de festa resgardándose só cando as nubes descargaban.
Este traballo, desenvolvido durante todo o ano, tivo a súa recompensa na exposición e a entrega de premios. Da primeira, máis dun visitante saíu coa boca aberta tras ver algúns das montaxes. Os colexios premiados foron os que máis visitas recibiron. O Sagrado Corazón - Madres Mercedarias, de Ferrol, obtivo o máximo galardón, o Premio Galicia, e na exposición presentou un traballo co título Nós somos responsables do cambio climático, no que recrearon unha cidade respectuosa co medio ambiente. As enerxías alternativas e a reciclaxe foron os grandes protagonistas da mostra 2009.
O parque de Acea de Ama ofreceu mútiples proposta lúdicas como talleres, xogos, deportes, cabalos e póneis... E os visitantes non desaproveitaron a oportunidade de gozar de todas elas cando o tempo o permitiu.
A xornada despediuse cos raios de sol que acompañaron á entrega dos premios aos centros gañadores do curso Voz Natura e co Xabarín da Televisión de Galicia que, un ano máis, converteuse na mellor despedida posible para un ano de duro e proveitoso traballo.